Accesibilidad

Noticias 

© CDR O Viso | 22/05/2022 | SGHN

Interensantísima xornada

Na compaña de persoas sabias

22/05/2022 | A Limia

Pola mañá un grupo de máis de vinte persoas acudimos á cita da Sociedade Galega de Historia Natural (SGHN), Sección Antela. Gozamos dun paseo que ninguén debería perderse por ese espazo no que unhas persoas comprometidas co medio levan traballando moitísimo; espazo que testemuñan esas 16 hectáreas da Veiga de Gomareite (Vilar de Barrio). Escoitalos, gozar do moitísimo que saben é un agasallo impagable; cada son, cada paxaro que voa, as herbiñas que pisamos, as pegadas que interpretan… alimentan a nosa curiosidade, manteñen vivo o noso empeño por aprendermos a vivir en harmonía coa nosa contorna.
Tamén houbo un tempiño para achegarnos ata o Mercado de Artesanía e Produto local en Vilar de Santos e xantar. Pola tarde, na casa reitoral de Lodoselo, xa tiñamos preparado o local para acoller a unhas corenta persoas e seguirmos aprendendo do que o Antonio e o Serafín nos foron contando e do que as persoas participantes foron aportando. Anduriñas, vagalumes, bolboretas, morcegos… A biodiversidade dos humidais e a súa importancia para a vida. O Cardiño da Lagoa, o Lepidurus, o Sapo de esporóns… e máis de trinta aves das que nos contaron singularidades.
Pero velaquí tedes a nova que elaborou o bo do Erik no Diario do Limia. Moitas grazas!  https://www.diariodolimia.gal/articulo/da-terra/noticias-limia-estiman-que-poboacion-cegonas-volve-ser-mesma-que-antes-da-desecacion/20220521203021007710.html
E si, como dixo Serafín, non hai maior erro que o de quen non fixo nada pensando que só podía facer un pouco. Sigamos facendo, siquera iso… un pouquiño.
A proposta da ONU, o 22 de maio, hoxe,  celébrase o Día Mundial da Diversidade Biolóxica. Agora atopo que onte era o Día Mundial da Diversidade Cultural para o Diálogo e o Desenvolvemento. Celébrase todos os anos o 21 de Maio e foi designado pola UNESCO en novembro de 2001. Esta celebración bríndanos a oportunidade de preservar “a independencia, a integridade e a fecunda diversidade das culturas” dos seus Estados Membros e fomentar “os principios democráticos da dignidade, a igualdade e o respecto mutuo” mediante a educación, as ciencias, a cultura e a comunicación. Feliz coincidencia.

Arquivada en:
Infórmate > Noticias