Accesibilidad

Noticias 

© CDR "O Viso" | 24/03/2022 | Café intercultural

Moito máis que un café...

Galicia Acolledora

24/03/2022 | Xinzo de Limia

O mundo está cada vez máis interconectado, pero iso non significa que os individuos e as sociedades convivan de verdade.

Hoxe no Bar Monforte fixémolo. Convivimos. Participantes do programa e veciñas de Xinzo compartiron o café de media mañá. O café e moito máis. Tratouse de coñecer(nos), compartir reflexións, inquedanzas e historias de vida...

O encontro estaba organizado con algunha dinámica que facilitaba a participación, pero nin falta fixo. Bastou con mirar(nos) aos ollos e as conversas comezaron a fluír.

Anímaste a participar no vindeiro café?

“Galicia acolledora” é un proxecto de continuidade dirixido a toda persoa inmigrante que queira participar, especialmente a mulleres inmigrantes da Comarca da Limia, para favorecer a súa integración na comunidade de acollida mediante o coñecemento da súa historia, institucións, cultura e valores fundamentais para que poidan participar activamente na sociedade na que se atopan.

Lévase a cabo a través de diferentes actuacións:

-Acollida, información, asesoramento e acompañamento. (Nas nosas instalación do CIX)

-Curso de español e/ou galego. (Os venres, da man de Paula)

-Accións grupais de reforzo de capacidades persoais e coñecemento da cultura. (Os xoves, con Saray e Paula)

-Encontros interculturais con outros grupos da comarca e doutras culturas. (Como o cafeciño desta mañá...)

Estas actividades levámolas a cabo xunto con outras entidades que forman a agrupación galega “Terra e Xente” dentro do programa “Galicia Acolledora”. Están financiadas pola Consellería de Política Social da Xunta de Galicia a través das axudas destinadas a realizar programas de interese xeral para fins de carácter social con cargo á asignación tributaria do 0,7 % do imposto sobre a renda das persoas físicas.

“Ogallá poidamos manter viva a certeza de que é posible ser compatriota e contemporáneo de todo aquel que viva animado pola vontade de xustiza e a vontade de beleza, naza onde naza e viva cando viva, porque non teñen fronteiras os mapas da alma nin do tempo” Eduardo Galeano

#fomos, somos e seremos emigrantes

# Eu son porque nós somos

Arquivada en:
Infórmate > Noticias
O noso traballo > Programas | Proxectos | Servizos Actuais > C. Área de Información e Participación Social > C.1- CIX da Limia. C. de Información e S. Integrados