Accesibilidad

Noticias 

© CDR O Viso | 12/03/2022 | Formación Ed. Infancia

Medrando con cambio de mirada

Sesión teórico-práctica intensiva dende o enfoque da disciplina positiva

12/03/2022 | Lodoselo

Hoxe tivemos en Lodoselo a formación: “Medrando con cambio de mirada” facilitada pola Reme Cid, mestra no PAI do Concello de Vilar de Santos e cunha longa experiencia na educación respectuosa. Quen a coñecemos sabemos da súa teima en crear unha rede de defensa das nenas e nenos, do cambio de mirada cara unha infancia que é o presente e de aportar sempre que pode o seu grauciño de area para alentar a familias e profesionais na importante misión de acompañalos. Tiñamos moitas ganas no CDR O VISO de levar a cabo esta formación, organizada antes da pandemia, e que por fin tivemos o pracer de gozar este sábado de chuvia un grupo de 15 persoas.
Consistiu nunha sesión teórico-práctica intensiva durante todo o día dende o enfoque da disciplina positiva, que ben sabemos que non é aplicable exclusivamente á infancia, senón que había aplicarse a toda persoa: axudar a sentirnos conectados, sermos amables e firmes ó mesmo tempo –ser asertivos-, aprender habilidades sociais, emocionais e cognitivas, entre outras. As que participamos fomos conscientes de que non se pode coidar se non nos coidamos, e valorouse moi positivamente que na formación se fose máis alá dos conceptos e das prácticas, senón que se favoreceu o autocoñecemento e o alento profesional e persoal.
Graciñas a todas as participantes na formación polo compromiso coa infancia e agardamos crear esa rede limiá de apoio e axuda entre familias e profesionais. Grazas tamén ó equipo loxístico do CDR (persoal de cociña, educadoras, Toño...) por colaborar sempre e a rapazada polo saber ser e estar.
Esta actividade enmárcase no programa “O noso espazo: encontros de familia, parentalidade positiva e actividades educativas”, financiado pola Consellería de Política Social da Xunta de Galicia a través da subvención con cargo á asignación tributaria do 0,7% do imposto sobre a renda das persoas físicas convocada no ano 2021.

Arquivada en:
Infórmate > Noticias