Accesibilidad

Noticias 

© CDR O Viso | 27/01/2022 | Imaxe artigo Jonathan

Á procura de mellorar as situacións de vulnerabilidade social e risco de exclusión

A nosa intervención planificada e sostida no tempo. Prestacións actualizadas

27/01/2022 | A Limia

A poboación da Limia máis vulnerable xa se atopaba nunha situación de fraxilidade en termos económicos antes do estalido da pandemia, e por tanto, con máis dificultades para facer fronte á crise sanitaria e social. Acentúase a tendencia negativa dos anos anteriores, notando un ano máis que o escaso acceso á vivenda agrava a pobreza e a exclusión social na Comarca da Limia. O impacto da pandemia percíbese claramente no notable aumento de persoas con carencias materiais severas, percíbese especialmente no aumento da pobreza severa.  Isto detéctase claramente en indicadores como non poder afrontar gastos imprevistos ou en non poder permitirse unha comida de carne, polo ou peixe cada dous días.
A Prevención e Inclusión Social son obxectivos fundamentais das Políticas Sociais Públicas e do modelo organizativo dos Servizos Sociais Comunitarios. O noso Programa de inclusión contempla intervencións planificadas e sostidas no tempo, dirixidas a previr a aparición de problemáticas ou necesidades sociais en persoas, colectivos e territorios, cando se atopan en situación de risco ou exclusión social. Oriéntase a lograr a inclusión social, entendida como a participación na vida económica, social e política en condicións dignas.
Ben entendido que todos os Programas son preventivos e inclusivos pola finalidade que perseguen, este é un plan específico dirixido a este fin. Esta especificidade é a que sustenta toda a metodoloxía do programa e serve para discriminar a atención prestada na Primeira Atención: Prevención e Inclusión; dous conceptos aparentemente afastados que, con todo, están intimamente conectados na práctica da intervención social.
A prevención é a medida que se toma de maneira anticipada para evitar ou minimizar un risco ou os efectos do mesmo, ou para evitar un feito que se considera negativo. O obxectivo da prevención é lograr que un prexuízo eventual non se concrete e se xa se produciu, non se agrave.
O termo inclusión social significa integrar na vida comunitaria a todos os membros da sociedade, independentemente da súa orixe, actividade, status social, condición física, mental, económica ou cultural, etc. Neste sentido todas as leis e/ou políticas que se propoñan incluír ás persoas na sociedade á cal pertencen, contribuirán a previr situacións non desexadas de marxinación e/ou exclusión social.
Dende o Centro de Desenvolvemento Rural “O Viso” guiamos as nosas intervencións na convicción da existencia de potencialidades de crecemento, cambio e mellora en toda persoa, familia e contexto social. Esta aposta polas persoas, fundamenta a orientación positiva a favor da súa capacidade de superar as situacións de dificultade, que debe acompañar a toda acción social en calquera contexto e realidade con independencia do grao de vulnerabilidade ou fraxilidade que o caracterice.
O noso programa de Prevención e Inclusión pretende facilitar o desenvolvemento das competencias dos individuos e das familias e promover as súas capacidades, autonomía e aspiracións; tamén o orientamos á mellora do contexto social.
A exclusión é unha situación á que se chega a través dun proceso, da que tamén é posible saír. Os factores que levan á exclusión son múltiples, como tamén o son os que facilitan o camiño á inserción, e o traballo non é nin o único medio nin, ás veces, viable, dependendo das necesidades das persoas.
O CDR “ O VISO” aposta pola inclusión social xa que é un proceso que asegura á cidadanía as oportunidades e os recursos necesarios para participar plenamente na vida laboral, económica, social e cultural e gozar dun nivel de vida e un benestar social que se considere normal no contexto e na sociedade na que viven. A mellora das situacións de vulnerabilidade social e risco de exclusión requiren, máis aló da atención a necesidades concretas, unha formulación global e sistémico que considere a multifactorialidade que caracteriza estas situacións. Non é posible romper o círculo estrutural da pobreza ou da exclusión sen pensar en propostas globais, que incidan dun modo integral sobre un sistema con forte tendencia a retroalimentarse na súa negatividade.
A prevención da exclusión social e a aposta pola inclusión social das persoas e colectivos máis desfavorecidos, foi unha das principais competencias dos Servizos Sociais Básicos desde a súa creación.

Ver en documentos (Materiais relacionados) as prestacións actualizadas

 

Arquivada en:
Infórmate > Noticias