Accesibilidad

Noticias 

© CDR O Viso | 25/01/2022 | Equipo CDR / CIX

As Consellerías de Política Social e Emprego e Igualdade volven financiar, un ano máis, os nosos programas

O que é necesario é posible e ademais é realizable

24/01/2022 | A Limia

A Xunta de Galicia, a través das Consellerías de Política Social e Emprego e Igualdade volven financiar, un ano máis, os programas do CDR “O Viso” a través da subvención con cargo á asignación tributaria do 0,7% do imposto dobre a renda das persoas físicas. Grazas. Tamén queremos agradecer a todas cantas persoas marcastes a X Solidaria na declaración da renda e contribuídes así facendo posible continuarmos o noso traballo: Fomentando a autonomía e o apoderamento das persoas no rural, previndo a perda de capacidades psicolóxicas e funcionais das persoas maiores; contribuíndo á inclusión social, laboral e á mellora na calidade de vida, á conciliación, á permanencia das persoas nos seus fogares con servizos de calidade, á conservación e mellora do noso medio; reivindicando o papel e os dereitos da infancia, axudando ás persoas nas tarefas da vida cotiá, adquirindo equipamento para uso e beneficio das persoas que máis o necesitan, camiñando cara a igualdade real en todas as nosas actuacións.
Para a nosa entidade esta é a fonte de financiación máis importante; recibimos da Consellería de Política Social 321903,45€ e da Consellería de Emprego e Igualdade 4357,32€. Esta contía implica que poidamos levar a cabo os seguintes programas:
- Atención ás necesidades básicas das persoas do medio rural (comedor social, servizo de hixiene diaria e cobertura das necesidades básicas)
- Vou contigo: servizos de acompañamento a citas médicas, compras, xestións, hospitalizacións e préstamo de materiais de apoio
- Cos meus: Percibo, comprendo, lembro e aprendo: programas de atención para persoas maiores con deterioración cognitiva ou dependentes
- Aldeas activas e saudables: envellecemento activo, dinamización comunitaria, formacións
- Servizos de proximidade no medio rural: atención, coidado persoal e asistencia doméstica
- Capacidade inclusiva rural-activa: actividades para persoas con necesidades específicas
- ELAS: empoderamento, liberdade, autoestima, solidariedade. Igualdade no medio rural
- Galicia Acolledora: acollida, mediación, sensibilización e interculturalidade
- Voluntariado ambiental: coñecer, conservar e coidar a nosa contorna
- O noso espazo: encontros de familia, parentalidade positiva e actividades educativas
- Concilia rural: conciliación da vida persoal, familiar e laboral
- Programa integral de intervención comunitaria na Limia: incorporación persoal e social, mellora da empregabilidade etc.
- Proxectos de investimento: adquisición de vehículo adaptado para o servizo de xantar a domicilio

A asignación correspondente aparece publicada no DOG, na resolución do 12 de xaneiro de 2022 pola que se publica a Resolución do 31 de decembro de 2021 que finaliza o procedemento administrativo ao abeiro da Orde do 9 de setembro de 2021 pola que se establecen as bases reguladoras e se convoca o procedemento para a concesión de subvencións destinadas á realización de programas de interese xeral para fins de carácter social, con cargo á asignación tributaria do 0,7 % do imposto sobre a renda das persoas físicas, xestionado pola consellería con competencias en materia de política social da Xunta de Galicia.
Aparecemos como Terra  e Xente, agrupación de asociacións que  nace no mes de maio de 2017 e que integramos catro entidades sociais que traballamos no medio rural galego: O Centro de Desenvolvemento Rural Ancares, a Asociación Euro Eume, o Centro de Desenvolvemento Rural Portas Abertas e o Centro de Desenvolvemento Rural O Viso
“O que é necesario é posible e ademais é realizable”, por iso mantemos o noso compromiso firme de traballar por e para a veciñanza da Limia, facendo real a utopía, reivindicando o ben común e o medio rural.

https://www.kizoa.com/Movie-Maker/d378447088k6949464o2l1/IRPF Xunta Conv. 2021

Arquivada en:
Infórmate > Noticias