Accesibilidad

Noticias 

© CDR O Viso | 03/01/2022 | Néboa

Ela fíxonos mellores

A Néboa, a mastina do CDR

03/01/2022 | Lodoselo

Si, un día. Un día, o 6 de xuño de 2013 levamos para o CDR unha mastina (a Néboa) que nacera o 28 de abril en Fiestras. Como escribiamos entón grazas ó Luis, o Nito e a Lucía de Laróa recibiamos este agasallo para coidar das ovellas e como apoio e compaña das persoas da Vivenda Comunitaria e do Centro… Tamén o foi, e moito, dos grupos que pasaron ó longo destes anos polo albergue, polo Pobo escola, da vecindade…  E hoxe, un día, o 3 de xaneiro de 2022 finou. Un duro golpe para o que nos foi preparando nestes, case, dous últimos meses.
Porque a Néboa fíxonos mellores; a sú compaña, a nosa relación con ela mellorou a nosa calidade de vida. Gostaba moito de ser acariñada; a súa mirada, a súa tranquila presencia era dabondo para calmar a quen gozaba de tela ó lado. Sempre supuxo un centro de interese para todas as persoas que establecemos comunicación con ela. Para algunhas persoas foi un soporte afectivo, para outras unha fonte de alegría e de cariño; para moitas un pracer sentir a súa quietude, a súa serenidade. Sen esquecer a motivación ó xogo que exercía sobre as crianzas.
E si, a súa morte aféctanos, como non podía ser doutra maneira; foi un membro máis do noso equipo. Se ben non se pode facer nada contra a lei universal e implacable da morte si podemos rememorar, unha vez máis, que en realidade forma parte integrante da vida e rexe a natureza. E quédanos a gratitude, a memoria da alma que nos enerxiza, que nos engrandece porque nos conecta con nós mesmos.

https://www.kizoa.com/Movie-Maker/d377197606k1721178o2l1/A Néboa

Arquivada en:
Infórmate > Noticias