Accesibilidad

Noticias 

© CDR O Viso | 22/12/2021 | Equipo Cix 1

Continuamos a prestar servizos básicos e necesarios de atención a situacións de primeira necesidade e produtos de apoio.

Unha ollada a este 2021

22/12/2021 | A Limia

Rematando o ano, votando unha visual a este 2021, temos que reflectir que dende o C.D.R. “O Viso” continuamos a prestar servizos básicos e necesarios de atención a situacións de primeira necesidade e produtos de apoio.
Aquel Estado de Alarma decretado polo Goberno, coas súas respectivas restricións, parece que queda lonxe pero supuxo que moitas familias viran diminuídos os seus ingresos e tiveran serias dificultades para facer fronte ós gastos do día a día como son os alugueiros, os fármacos, as facturas da luz e da auga, a comida… Non só nos referimos a ese colectivo de xente cuxos ingresos proveñen da venda ambulante, do xornal do día a día… senón tamén das que sufriron o expediente de regulación temporal de emprego (ERTE) cunha notable redución dos seus ingresos, os que foron despedidos e tiveron que agardar polos trámites burocráticos que supuxeron a esas familias grandes problemas psicosociais para que lles chegara esa pequena prestación do subsidio por desemprego ou do Ingreso Mínimo Vital…
No marco do Programa de Emerxencia Social durante o ano tivemos varias contribucións de diferentes entidades coma GADISA, COREN, MERCADONA, do Plan FEAD 2021 ou do Banco Alimentos entre outros; en base á súa acción de responsabilidade social corporativa, que cada ano colabora cos nosos programas de atención a persoas en situación de vulnerabilidade.
Dende a Área Social tense feito un seguimento da situación social e de saúde das persoas usuarias para identificar necesidades e valorar a cobertura das mesmas tentando que sexan o máis autónomas posible. Estase apoiando a persoas na solicitude da súa prestación por desemprego, debido á fenda dixital que sofren, debido á remisión das solicitudes por vía telemática.
Así mesmo, as Terapeutas Ocupacionais e o persoal auxiliar fan seguimentos telefónicos e domiciliarios con cada unha das persoas que acudiron e acoden a día de hoxe ao centro e/ou se lles levaba a comida a domicilio o outros servizos de proximidade.
Dende á área de atención psicolóxica estívose prestando acompañamento e apoio, achegando a quen o precisou material e pautas para o manexo da ansiedade e afrontamento da situación da crise na que nos atopabamos e atopamos. Ó longo do período desta situación mantivemos os apoios coa coordinación dos Servizos Sociais comunitarios dos concellos e cos axentes socias en Xeral para seguir identificando necesidades e valoracións das persoas usuarias.
Todos e cada un dos días do ano repartíronse máis de 100 bandexas de alimentación  a domicilio, fixemos máis de 58 repartos mensuais de produtos básicos de alimentación, hixiene e/ou bombonas de gas que son levados a cabo cada mes e, complementariamente, realizamos repartos puntuais en caso de emerxencia a persoas e/ou familias en exclusión severa que –polas súas circunstancias- precisaban destes repartos urxentes. Dúas veces á semana, os martes e os venres, repártense produtos frescos de alimentación para máis de 30 persoas. A veces diarios se os produtos caducan antes do seguinte reparto. Máis de 45 persoas en risco de exclusión social beneficiáronse do servizo de Comedor social nalgún momento do ano no Centro de Inclusión ou a domicilio, das que un 30 % conta ademais co servizo de transporte para vir comer ó centro. 25 persoas beneficiáronse do servizo de hixiene, lavandería e, no seu caso, roupeiro en casos puntuais no Centro de Inclusión de Lodoselo.
Queremos dende o C.D.R. “ O Viso” agradecer o enorme esforzo que se estivo a facer, tanto polas entidades colaboradoras (Gadisa, Mercadona, Coren, Caritas, Cruz Vermella, Banco de Alimentos...) coma polos Concellos (Baltar, Os Blancos, Calvos de Randín, A Porqueira, Rairiz de Veiga, Sandiás, Sarreaus, Trasmiras, Vilar de Barrio, Vilar de Santos e Xinzo de Limia) e sobre todo, a quen o fai posible día a día, a todas e cada unha das persoas polo esforzo que implica este arduo traballo.

Arquivada en:
Infórmate > Noticias