Accesibilidad

Noticias 

© CDR O Viso | 20/12/2021 | POISES 1

A satisfacción de traballar por e para a mellora da empregabilidade

POISES, resumo do ano 2021

20/12/2021 | Comarca da Limia

Terminamos o ano 2021 coa satisfacción de traballar por e para a mellora da empregabilidade de 51 persoas da Comarca da Limia,  no marco do Programa Operativo de Inclusión Social e Economía Social (POISES-CCI2014ES05SFOP012), cos Itinerarios Integrados para Loitar contra o Despoboamento no Medio Rural. 
As persoas que accederon ao programa estaban en situación de desemprego ou en activo e acudiron ao CDR O Viso co obxectivo de mellorar as súas posibilidades de atopar emprego e/ou mellorar os seus coñecementos e habilidades en áreas específicas do traballo.
O desenvolvemento de cada itinerario consistiu nun traballo individualizado de Orientación Laboral, de Formación e de Acompañamento á Inserción Laboral. Partindo dun diagnóstico de empregabilidade, elaborouse o Plan de Traballo de cada participante, deseñando o “camiño para atopar os seus obxectivos e acompañamos no proceso da súa inserción laboral.
“Un Camiño”, un Itinerario, implica traballar aspectos persoais de forma pro activa, facilitar recursos, dotar de estratexias de planificación para a Procura de Emprego, asesorar para afrontar un proceso de selección e moito traballo nas competencias persoais para conseguir enfrontar o reto con positividade. Durante este período, valórase a posibilidade de ofrecer unha oferta formativa gratuíta, dando resposta ás necesidades de cada participante.
Durante o ano 2021, a Teleformación xogou un papel importante para a mellora da cualificación de 47 persoas que viven na Comarca da Limia, con moita dispersión xeográfica e onde a demanda formativa é moi heteroxénea. A nosa oferta formativa foi completamente individualizada, feita á medida das necesidades e intereses das persoas participantes no Programa. A pesar das dificultades de conexión a internet ou dos seus coñecementos limitados no manexo das novas tecnoloxías, adquiriron os coñecementos para traballar e competencias dixitais, quitando así o “medo aos ordenadores”.
Dende o CDR O Viso, para  “vencer os medos”  ás novas tecnoloxías, empregamos unha metodoloxía baseada no coñecemento das necesidades pedagóxicas de cada participante. Para salvar a “fenda dixital” que temos no noso medio rural, continuamos ofrecendo a posibilidade de ter conectividade gratuíta na nosa oficina e recursos TIC (Tablet e ordenadores) para que o alumnado sen recursos poida realizar a formación dende a súa casa.
Botando a vista atrás , podemos facer un balance moi positivo do ano, confirmando que dende o prisma “da persoa” se poden deseñar actuacións oportunas, eficientes e humanas.
No ano 2021,  51 persoas realizaron un Itinerario Integrado, das cales:
• 44 persoas accederon en situación de desemprego e 21 conseguiron un traballo (47,72%)
• 47 persoas realizaron un curso de formación nunha área específica de traballo (loxística, socio-sanitaria, administración, atención ao cliente…)
Os números nunca teñen sentido se detrás non hai persoas, actitudes e ganas de traballar… María José , Juan Carlos, Verónica, María Dolores, Rosa, Gabriela, Myriam ... e  96 persoas mais, son participantes atendidos/as polo noso equipo de profesionais; compartiron inquietudes persoais e laborais, fixeron tele formación e moitas delas … chamaron para darnos a gran noticia de “ Mañá comezo a traballar!”.
O traballo en rede cos Servizos Sociais de Xinzo de Limia e Comarca, co Dispositivo Comarcal de Inclusión Socio laboral, co Centro de Información á Muller, coa Cruz Vermella, co Centro de Saúde de Xinzo de Limia e con Cáritas Diocesana, permitiunos deseñar e integrar as actuacións  individualizadas dunha forma mais adecuada e acorde ao entorno no que nos encontramos.
Dende o CDR O Viso xa temos a nosa mirada posta no ano 2022; unha mirada que seguirá sendo cara as persoas e cara a vida na nosa Comarca.
Estas actuacións enmárcanse no Programa Operativo de Inclusión Social e Economía Social (POISES-CCI2014ES05SFOP012) do Ministerio de Traballo e Economía Social, dentro do seu eixo para promover a inclusión social e  loitar contra a pobreza e son cofinanciados polo Fondo Social Europeo (O FSE inviste no teu futuro) e o Programa Integral de Intervención Comunitaria no medio Rural da Xunta de Galicia (regulado pola ORDE do 11 de setembro de 2020 pola que se establecen as bases reguladoras e se convoca o procedemento para a concesión de subvencións destinadas á realización de programas de interese xeral para fins de carácter social, con cargo á asignación tributaria do 0,7 % do imposto sobre a renda das persoas físicas xestionado pola Consellería con competencias en materia de Política Social da Xunta de Galicia).

Arquivada en:
Infórmate > Noticias