Accesibilidad

Noticias 

© CDR O Viso | 23/11/2021 | Vivenda Comunitaria

O virus acaba de meternos un gol

A pedagoxía do querer

22/11/2021 | Lodoselo

Din que o espectáculo do fútbol está nos goleadores. E o oposto sería a escura e silenciosa figura do porteiro. Sometido á lupa do erro e o fallo. Ós xogadores de campo concedémoslle segundas ou terceiras oportunidades. O porteiro se falla, non ten perdón. Sentenciamos: vaia cantada! É o martirio dun posto específico e en repetidas ocasións desagradecido.
E acordámonos disto, de que ata ós bos gardametas lles meten goles. Porque agora a nós, ó CDR o virus acaba de meternos un gol. E dóenos, claro.
No CDR O VISO non quixeramos ser noticia por termos un gromo de Covid-19 en Lodoselo; pero, por desgraza, é a realidade.

Levamos todo este tempo da pandemia no fío da navalla. Porque tamén traballamos cun dos sectores da poboación máis sensibles ós efectos do virus. E estivemos achegándonos ata os seus domicilios todos e cada un dos días a levarlles o xantar; ós de sempre e ós que ían ó centro nas tempadas que non se puido ir. E a maiores a todas as familias que daban positivo e que nos encargaban (eles ou os Concellos) levárllela comida ou a compra…
Elaboramos uns protocolos moi estritos pola presión, a responsabilidade e mesmo o medo a levar algo máis que o bo que levamos (xantar, compaña); estaba aí a posibilidade de transportar o bicho. Afortunadamente ata este momento foi ben. Semanalmente ou quincenalmente todo este tempo estivo o Sergas facéndonos o cribado de saliva.
Pero o mércores da semana pasada saltou un positivo. O venres ás 10 da mañá viñeron facernos as probas a todos: Centro de Inclusión e Vivenda comunitaria. O sábado mandáronos os resultados. Das 45 PCR feitas : 9 residentes da vivenda e 4 traballadoras positivos. Os restantes 32 negativos.  
E si, a preocupación intimidounos e tocou reorganizarse, acompañar porque sabemos que a estratexia menos produtiva nestes momentos é unha preocupación excesiva. Tamén axudados polas moitas mostras e ofrecementos de axuda da vecindade ( “No que na miña mau estea e necesitedes contade comigo”…, “se algo podemos facer”). Mesmo o alcalde do Concello de Sarreaus pendente en todo momento e con mensaxes ben solidarios (“Calquera cousa que necesitedes, o que sexa, chámame a min ou a protección civil. Vamos a turnarnos para que sempre estea xente dispoñible”).
Queremos sobre todo destacar a calidade profesional e humana das persoas coidadoras que están estes días atendendo as persoas maiores da vivenda, tanto nos coidados da vida diaria como no acompañamento emocional. O voso esforzo é ouro. Grazas Marga, Sonia, Bea, Ana, Carmen….
E por suposto queremos trasladarlles ás persoas maiores da vivenda e ás traballadoras que deron positivo toda a nosa forza e amor comunitario. Imos sair desta como saimos de tantas outras (as persoas maiores moito máis) ó longo da vida! Agradecer o apoio dos familiares, informados desde o primeiro momento e dicir que de momento vai indo todo ben; a maioría asintomáticos e os que teñen algún, son síntomas leves.
E recalcar que tanto o  Centro de Inclusión e a Casa Niño en Lodoselo coma o CIX en Xinzo permanecen abertos porque non hai ningún caso positivo nin contacto directo.
Este martes ás 16.30h volverán facernos de novo as PCR por se aparece algún caso máis e para seguir asegurando uns bos coidados.

Arquivada en:
Infórmate > Noticias