Accesibilidad

Noticias 

Medrando e pensando a través dos xogos de onte e de mañá

#PoloSanMartiñoPeónsAoCamiño

11/11/2021 | Xinzo de Limia

#PoloSanMartiñoPeónsAoCamiño
Este xoves, día de San Martiño, tres educadores do CDR O Viso pasamos a xornada de mañá no patio do Ceip Carlos Casares co alumnado de 1º, 2º, 3º e 4º de primaria xogando. Esta iniciativa que xurdiu do Ceip e contou co CDR para levala a cabo tiña por obxectivo a recuperación e promoción do xogo popular e tradicional. Empeño no que andamos dende hai unha manchea de anos.
Así que organizamos a mañá e fomos presentando os xogos, aprendendo a xogar e gozamos dun tempiño para pasalo moi ben facendo algo que nos gusta moito: xogar en boa compaña! Puxemos moita atención, traballamos a coordinación, a destreza, a colaboración, o equilibrio, competimos co pesca botellas, cos birlos celtas, facendo lanzamento de boinas, co aro, esquiando por parellas, facendo correr as tartarugas, co turra soga, co apaña patacas, o sacapauciños, as tabas, as andas ou zancos, a ra, etc. Xogos de agora e de sempre e mesmo practicamos un par de xogos do mundo. Moitas grazas por contar con nós nesta xornada e a seguir medrando e pensando a través dos xogos de onte e de mañá, os nosos xogos de sempre como parte cultural e social de plena actualidade.
Mañá venres tamén estaremos, convidados pola Asociación A Pantalla, a partir das 18.30 h. na praza dos ovos e pola rúa tamén cos xogos populares, tradicionais e do mundo.
Facémonos eco aquí tamén doutra nova ben interesante; é que neste día de San Martiño tamén se presentou unha aplicación para móbiles que permitirá que calquera familia, educador/a ou persoa do común poida poñer en práctica un xogo tradicional galego só con dous minutos de atención. Esta iniciativa está promovida polo Consello da Cultura Galega e por Patrimonio Lúdico Galego.
O Observatorio do Patrimonio Lúdico (www.xogostradicionais.gal) é o responsable da concepción inicial do proxecto e dos contidos.
O Consello da Cultura Galega (http://consellodacultura.gal/) é a institución que asumiu o proxecto dentro das súas iniciativas de investigación e divulgación dos trazos de identidade dos galegos e das galegas como pobo. É, tamén, a responsable de toda a infraestrutura técnica necesaria para desenvolvelo.

Arquivada en:
Infórmate > Noticias