Accesibilidad

Noticias 

© CDR O Viso | 18/10/2021 | Sábados en familia 1

Sábados en familia

Fomentando hábitos de vida e ocio saudable

18/10/2021 | Saa e Vilar de Santos

Esta fin de semana compartimos unha bonita mañá dentro da actividade “Sábados en familia” na aldea de Saa e Vilar de Santos. Máis de 30 persoas con idades comprendidas entre un ano e os sesenta e pico xuntámonos para camiñar e descubrir outro recuncho fermoso da nosa comarca. Trátase dunha actividade enmarcada no programa O Noso Espazo, financiada pola Consellería de Política Social da Xunta de Galicia a través das axudas destinadas a realizar programas de interese xeral para fins de carácter social con cargo á asignación tributaria do 0,7 % do imposto sobre a renda das persoas físicas.
O que fai especiais estes encontros é o feito de irmos sen máis expectativas que gozar do camiño, e desta vez, que contabamos con coñecer a abandonada aldea de Saa e xogar nese espazo libremente, puidemos facer, ademais, un interesante roteiro guiados por nais e pais que nos amosaron un muíño, un pozo labrado en pedra de medidas impresionantes e un bosque autóctono en estado puro.
Nenas e nenos viven o camiño con alegría observando, explorando, parando centos de veces atraídos polo que nos ofrece o monte: apañamos follas, belotas, pedras, paus e algún cogumelo. As persoas adultas fascinámonos de ver a riqueza paisaxística e o patrimonio cultural que temos ó pé da casa, e reflexionamos, mentres andamos, sobre a necesidade de facer, de recuperar, de manter vivo isto que tanto esforzo lle custou ós nosos devanceiros.
Cando estamos en contacto coa natureza si que somos capaces de vivir o presente e de conectar coa terra, danse aprendizaxes múltiples e reais e fomentamos os hábitos de vida e o ocio saudable. Canto desexariamos que as escolas se mergullasen nestes contornos marabillosos que nos rodean! Que fortuna sería que nenas e nenos aprendesen ó aire libre!
Vémonos pronto, na próxima convocatoria (estade atent@s!), en Lodoselo para apañar as castañas e seguir camiñando.

Arquivada en:
Infórmate > Noticias