Accesibilidad

Noticias 

Xuntámonos en Laroá para a presentación do conto A Raíña Loba

Acto de recoñecemento especial para Manolo Seoane

02/10/2021

Este venres, 1 de outubro, xuntámonos en Laroá para a presentación do conto A Raíña Loba, escrito por Manolo Seoane (mestre, arquitecto e natural de Laroá) e ilustrado por Moisés Míguez (artista e exalumno da escola Antonio Failde onde coincidiron).
Nun entrañable acto que tivo a ben regalarnos o Manolo, o Xiri, preparado sen que el soubera nada ata o mesmo momento, xuntámonos coa súa familia a vecindade de Laroá e as súas amistades para gozar deste obsequio. Agradecerlle á vida o termos ó noso carón persoas como Manolo. E grazas a cantas persoas participaron, especialmente á Carmen e á María, nai  e tía do Manolo, mulleres rurais sempre dispostas a colaborar e manter o espírito comunitario, a Benita, Sara e Raquel por facelo posible.
Tamén a Antón e Badás (Centro de Cultura Popular do Limia) que se prestaron, rebaixando o seu caché, a facer de lectores e contacontos. Ó igual que Lucía e Tomás que teceron e argallaron todo para facer isto posible.
A través da asociación de mulleres A Lomba (neste local tan cheo de vida) e do CDR O Viso quixemos revivir unha daquelas noites de invernía tan longas, a carón do lume, na que os contos dos máis vellos embelesaban a cantos alí se atopaban, tal como ben reflicte Manolo no relato. Hoxe aquí sen lume nin invernía pero con chocolate e moitos afectos.
Ademais dese recoñecemento especial para o escritor do conto tamén quixemos reivindicar, ante as autoridades municipais presentes, a necesidade de xuntarnos, de coidarnos e coidar das persoas, o medio, a a cultura... nisto que se dá en chamar a Galiza Baleirada, pero que aínda ten persoas que a manteñen con vida. Así lendo, narrando, escoitando, estamos xuntos e xuntas. Loitadoras e loitadores por manter viva esta terra, alimentando as relación entre nós e contribuíndo a que este sexa un bo medio, habitable e habitado.

https://www.kizoa.com/Movie-Maker/d370265183k3822956o2l1/Laroá. Manolo Seoane

Arquivada en:
Infórmate > Noticias