Infórmate > Noticias 

Noticias 

Poñemos en valor o patrimonio da auga
Compartir en Facebook Compartir en Twitter

28/07/2021 | A Limia

1 de 6

Estes días rematamos o segundo tramo do proxecto de dinamización comunitaria “O patrimonio da auga”, unha actuación enmarcada na subvención de Inclusión de Política Social da Xunta de Galicia e cofinanciada parcialmente polo Fondo Social Europeo e polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional no marco dos programas operativos FSE Galicia 2014-2020 e Feder Galicia 2014-2020. Este programa  xurdiu para conectar persoas de diferentes idades nas nosas aldeas, para manter vivo o patrimonio material e tamén o inmaterial con relación á auga, para coñecer, recoñecer e poñer en valor os espazos comunitarios do lugar.
Desde o pasado mes de marzo un grupo de vinte persoas de Laroá e Fiestras (Concello de Xinzo de Limia) participaron en obradoiros relacionados co patrimonio da auga: actividades divulgativas de sensibilización, reflexión e análise das problemáticas locais relacionadas coa auga e obradoiros para a posta en valor do patrimonio comunitario.  Tamén se levaron a cabo andainas para identificar  os elementos propios da arquitectura popular galega no referente á auga, comprobar o seu estado de conservación e coñecer a toponimia dos diversos lugares da man das persoas de maior idade que participaron na actividade.
Nos percorridos polo río Faramontaos (ou Leboriz)  e Eiroá asistimos ó espectáculo natural da forza da auga contra a pedra e comprobamos a beleza da paisaxe limiá e do monte autóctono; tamén puidemos evidenciar o abandono dos muíños, nun estado lamentable de conservación en ámbolos dous ríos e a falta de aproveitamento comunitario da zona. O roteiro de Faramontaos remata na presa de Gudín, outro exemplo de xestión nefasta das augas na Limia. “Xa non baixan troitas”  dixo alguén durante o paseo.
Nos roteiros realizados polas aldeas de Fiestras e Laroá detivémonos a observar fontes, lavadoiros, pilóns... construcións que temos diante nosa cada día pero ás que cada vez miramos menos. Reflexionamos sobre o cambio de vida nos últimos 50 anos, sobre o abandono, sobre o esquecemento... Buscamos mananciais de auga totalmente tupidos pola vexetación como a Mina de Outeiro ou a Mina do Goil en Laroá ou a Fonte do Barrio d´abaixo en Fiestras; imaxinamos no aire a Fonte e o lavadoiro do Barreal (Laroá), que quedaron soterrados baixo o asfalto cando se fixeron os camiños nos anos 70. Tamén descubrimos lugares máxicos que permaneceron fieis e fermosos como a Fonte Vella e  Fonte do Lugar en Fiestras, ou as fontes do Canto e do Niño en Laroá; marabillámonos con eses nomes fermosos e coas numerosas historias e anécdotas que ían contando unhas e outros. Dos nomes das fontes pasamos á toponimia labrega, que tentamos ubicar e localizar.
Visitamos tamén o Mosteiro de Trandeiras onde a auga ten unha presenza importante: a visibilidade e presenza da Lagoa de Antela e a rede de canalizacións labradas na propia pedra e o sistema de recollida de augas. Tamén tivemos ocasión de visitar a Casa da Lagoa no Concello de Sandiás para achegarnos ás particularidades naturais da Lagoa de Antela e ás consecuencias da súa desecación.
O xoves 29 de xullo xuntarémonos para dar por finalizado este tramo de actuación, coa exposición audiovisual do traballo realizado e reivindicando o dereito, o deber e a necesidade de manter vivos os lugares nos que se labrou a comunidade.

Arquivada en:

Infórmate > Noticias

MATERIAIS RELACIONADOS
Vídeos
Noticias

Hosting por

Radio Lodoselo

banner

 

        

Boletín
 

 

Mantente informado/a

 

Recibe o noso boletín

Máis info

Acepto a política de privacidade. FUN INFORMADO, ENTENDO E AUTORIZO O TRATAMENTO DE DATOS PERSOAIS

 

 

aceptacookies