Accesibilidad

Noticias 

© CDR O Viso | 24/11/2020 | Foto Ceip 25 N

Tódolos días contra a violencia de xénero

Con motivo do 25 N

24/11/2020 | A Limia

Con motivo do 25 de novembro, Día Internacional contra a Violencia de Xénero, no CDR “O VISO” lánzase a campaña O RURAL CONTRA A VIOLENCIA DE XÉNERO: QUE PODO FACER EU?, coa que se pretende concienciar á veciñanza para tomar como propia a loita contra o machismo. Somos conscientes da necesidade de adquirir un compromiso comunitario para que ningunha muller, nena ou neno teñan que sufrir ningún tipo de maltrato.
Consideramos vital aprender a identificar as formas de violencia, tamén as do ámbito familiar, por iso levamos a cabo obradoiros polas aldeas da comarca, intervencións en encontros populares, elaboración de murais colectivos...  para sensibilizar, informar e que poidamos desaprender as condutas tóxicas e aprender outras desde o respecto.
Ofrecemos atención psicolóxica permanente a mulleres vítimas da violencia de xénero e ás súas fillas e fillos para empoderar, superar o sufrimento e poder continuar unha vida digna.
Dentro dos actos propios deste 25 de novembro e en colaboración co CIM do Concello de Xinzo de Limia e a Cruz Vermella estanse levando a cabo as Xornadas de Prevención da Violencia de Xénero nos centros educativos da vila, baixo o título: Non tódalas fórmulas valen. O amor constrúe, non destrúe.
Se coñeces algunha persoa que sexa vítima de violencia de xénero ou violencia sexual, non a culpes e acompáñaa aos centros de atención onde poida recibir apoio.
Entre todas e todos gañaremos a batalla contra a violencia de xénero.

Toda esta campaña está financiada por Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza - Secretaría Xeral de Igualdade a través da convocatoria do 9 de agosto de 2019 destinada á realización de programas de interese xeral para fins de caracter social, dirixidas á promoción da igualdade entre mulleres e homes e de prevención e loita contra a violencia de xénero, a cargo da asignación tributaria do 0,7% do IRPF para o ano 2019.

Vídeo: O rural contra a violencia de xénero. https://youtu.be/g-d0fWm-G54

Arquivada en:
Infórmate > Noticias