Accesibilidad

Noticias 

© CDR O Viso | 10/11/2020 | Otoño 3

“Castañas, noces e viño fan a ledicia do San Martiño”

E os necesarios servizos de proximidade

10/11/2020 | Lodoselo

Magosto, lume, castañas, cogumelos, santos e difuntos… Agradecemento polas colleitas recibidas. E a natureza que se viste de outono cun colorido que enfeitiza. Moito nos presta o magosto no CDR “O Viso”, pero desta vez non vai poder ser. Di o refrán que despois do San Martiño, fame e frío; rematan as colleitas e preparámonos para o longo inverno.
As nosas aldeas cada vez están máis baleiras e para a nosa xente maior o inverno faise duro, por iso son tan necesarios os nosos servizos de proximidade: máis de 100 persoas reciben o xantar na casa durante todo o ano, no centro de inclusión de Lodoselo xantan 15 de luns a venres desde que puidemos retomar o servizo, preto de 20 persoas reciben apoio na hixiene persoal, curas e outros coidados diarios, máis de 30 persoas fan uso do servizo de lavandaría. Hai servizo de podoloxía e perruquería do que se benefician máis dun cento de persoas ó ano, axúdaselles na preparación e administración de medicación e fanse acompañamentos a citas médicas...
Temos evidencias claras en cifras e número de persoas atendidas, pero o que avala e lle dá sentido ó noso traballo é a humanidade: que unha persoa hospitalizada poida estar acompañada, que a persoa que recibe o xantar na casa poida conversar un anaquiño coas nosas traballadoras e traballadores, que as persoas maiores poidan mellorar a súa capacidade física e cognitiva e prolongar ó máximo o envellecemento nos seus fogares, que teñan con quen compartir as súas experiencias, a súa sabedoría.
É necesario o financiamento obtido de administracións públicas (Deputación de Ourense, Xunta de Galicia, Fondo Social Europeo, Ministerio de Dereitos Sociais e Axenda 2030) e entidades privadas (Obra Social La Caixa, Fundación Espadaña, Fundación EDP) para garantir a continuidade destes servizos. Graciñas a tod@s por facelo posible.

https://youtu.be/YRlT1_Rm0yo

Arquivada en:
Infórmate > Noticias