Accesibilidad

Noticias 

© CDR O Viso | 30/11/2019 | 1

Entrega do Premio Pedra Alta 2019 ó CDR O Viso

A unha representación de participantes nos diferentes programas, traballador@s, voluntariado, colaboradores e financiadores

30/11/2019 | Vilar de Santos

Nesta mañá do sábado 30 de novembro fómonos xuntando, primeiro no Museo da Limia desde as 11 da mañá, un bo número de persoas que quixeron participar neste acto de entrega do Premio Pedra Alta 2019, na súa terceira edición. 

Despois a partir das 12h. no salón multiusos da casa do Concello desenvolveuse un entrañable acto. Primeiro visionamos un vídeo que aínda que xa se fixo no 2015 recolle en 9 minutos algunhas das nosas accións e dan unha idea bastante aproximada do que facemos. A continuación o Sr. Alcalde de Vilar de Santos deunos a benvida e tivo para con todos nós unhas palabras de recoñecemento (moitas grazas, Xan); seguiu Delfín Caseiro como Presidente do Padroado dicindo que este foi un "autopremiar á Limia enteira" e adiantándonos un novo desafío arredor da vía XVIII pola súa importancia e transcendencia. Sabela, como Secretaria do Padroado leu a acta que recolle os méritos que o Consello Asesor do Museo da Limia lle outorga ó CDR e nos fan merecedores deste galardón. 

Foi aquí cando se fixo o acto de entrega desta escultura feita por Xosé Lois Carreira e os diplomas a un pequeno grupo de persoas en representación de todas as que teñen participado e conformamos o Centro: representantes da Xunta Directiva, dos traballador@s, dalgúns dos diferentes programas desenvolvidos ó longo destes anos; desde 1985, aínda que co nome de CDR O Viso, desde 1990.

Tocoulle despois a Xosé Manuel Cid facer a laudatio e coma sempre estivo o profesor universitario (o maior divulgador do CDR en ámbitos universitarios, na veciña Portugal... en publicacións) inmenso; xunguindo galeguidade, educación, militancia e tamén pedras, auga, Limia.      

Finalmente tocoulle ó voceiro do CDR dar as grazas a todas e cada unha das persoas que teñen feito isto posible; empezando por Miguel e Digno; que sendo cregos en Parada de Outeiro e Arzádegos cunha longa traxectoria xa entón nos reunimos na reitoral de Arzádegos no 1990 e puxemos en marcha os CDR(s) Eirada, Portas Abertas e O Viso. Pero continuando polos milleiros de participantes nas distintas accións levadas a cabo ó longo de tantos anos, de traballadoras e traballadores (ata un total de 99 en todos estos anos), voluntariado (que inclúe o SVE), colaboradores (Instituto do Campo, Postoiro...  e financiadores. Durante a intervención estaban pasando imaxes desta historia, datos, nomes de traballador@s, voluntariado europeo, convenios de colaboracion, alumnado de prácticas...

Tamén pediu perdón por todas as veces que temos fallado e deu unhas pinceladas das conviccións que nos caracterizan, do que facemos porque dixo "somos o que facemos e como o facemos. Rematou cun conto que coñecemos da man do noso amigo Fran, mestre e tamén parte do CDR nos cursos de formación de educador@s de tempo libre. 

Unha vez máis grazas a todas as persoas que hoxe participaron e se desprazaron desde diferentes recunchos de Galicia e do outro lado da raia (tamén ós que disculparon a súa presenza) e especialmente á veciñanza dos pobos da contorna que son partícipes e verdadeiros protagonistas deste camiño que imos facendo día a día.  

http://www.kizoa.es/Editar-Vídeos-Movie-Maker/d303943630kP1062290988o2l1/pedra-alta-2019

Arquivada en:
Infórmate > Noticias